“Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei? El respondeulle: Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento. Este é o mandamento primeiro e máis grande. O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.” (Mt 22,36-40)
Un mandato de amar é un imposible, un auténtico oxímoro, as palabras amor e mandato non cadran a xeito nunha mesma frase. Desde cando o amor se pode decidir e exercer pola mera vontade? A maioría estamos afeitas a vivir os namoramentos como incidentes incontrolables… Os outros amores? o parental vén regalado disque polo instinto ou as hormonas, non precisa de moito esforzo, o amor propio poida que sexa o máis difícil… e sen este non hai amor do próximo, tampouco se fai posible xa que logo o amor a Deus. Así é na nosa cultura e nas que nos circundan. Mais hai pobos onde ese concepto non existe. Onde se dá un apego mais non se entende o amor romántico e menos a paixón como o facemos nós. Mesmo é unha cuestión filosófica que alguén como Shopenhauer resolveu dicindo que o amor é unha ilusión, unha trampa creada pola natureza que procura a supervivencia da especie.
Aquí pescudaremos precisamente o que Xesús, e o seu pobo, entendían por amor. Atendendo a que estamos nun contexto hebreo, nel as palabras importan xa que teñen o poder de realizar o seu contido polo simple feito de pronuncialas. Recordemos que a palabra que se traduce por “mandamentos” no contexto do decálogo de Moisés, significa “as palabras”, unhas palabras que encetan un pacto, que comprometen polas dúas partes, que invitan a comunicar, que crean un vínculo, compromiso que enche mente, corazón e todo o ser, un compromiso de amor. Son preceptos, invitación a entrar en relación e non meras ordenanzas morais. A moral é consecuencia natural lóxica da fidelidade a esa Palabra, pronunciada para o ben, non para a submisión e menos o abuso.
Como cristiá e católica, agardaredes que vos traia as vías reais do amor de Deus, nas dúas direccións que son a Igrexa, os sacramentos e sobre todo o sacramento do irmán, da irmá. Coido que de tan coñecidos xa nin seguiriades a ler. Mellor vaiamos a Xesús, a única mediación que nunca falla.
Para o amor Xesús podía recorrer a ahava, a palabra hebrea que se emprega tanto para amar a Deus como para o namoramento (p. ex. no Cantar dos Cantares). Existía en paralelo jesed, amor profundo das entrañas, o que se sente desde o ventre, o útero materno que se adoita traducir como compadecerse. E Xesús, sentiu e falou como pouco deses dous. Como as súas palabras nos chegaron pasadas ao grego, idioma rico en amores variados, propoño irmos a unha escena que acontece despois da cea que seguiu á pesca milagrosa, nunha sobremesa intensa. Entremos sen sospeitas textuais por favor, só por esta vez.
“Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro: Simón de Xoán ¿ámasme máis ca estes? El contestoulle: Si, Señor, ti sabes que te quero. Xesús díxolle: Apacenta os meus años. E de novo preguntoulle por segunda vez: Simón de Xoán, ¿ámasme? El respondeulle: Si, Señor, ti sabes que te quero. Xesús díxolle: Apacenta as miñas ovellas. E preguntoulle por terceira vez: Simón de Xoán, ¿quéresme? Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez “¿quéresme?”, e respondeulle: Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.” (Xn 21,16-17)
Neste asunto pouco pode a mente ou a vontade, sobre todo cando o sufrimento e pesares nos sufocan. Sinto non ter máis receita que esta, sentir como Xesús me crava os ollos preguntándome “ámasme?” igual que o faría un meniño ou un cadelo perdido e famento.
Explicaba hai días que eleison pode ser traducido doutra maneira que por Ten piedade de nós pois ten que ver con ese amor jesed, a misericordia que queima por dentro, sensación física, ante quen sofre. Invito a quen o precise, cando o precise e todas as veces que o precise que o traduza, lexitimamente, por Ven, dáme unha aperta por favor, ou faime sentir os teus brazos rodeándome, ou simplemente Socorro que isto doe de máis! O que che saia da alma querido irmán e irmá. Iso é o que vas berrar ou chiar por dentro. Dálle forte que escoita. Non o digo eu, prometeuno Xesús.
Xa sei que non é un argumento teolóxico de peso pero é un testemuño de quen o fai e dá fe que a resposta non tarda.
Porque, sabes unha cousa?, non se trata tanto de amar a Deus senón de deixarse amar por El/a e non ter vergoña de pedirlle que o faga. Abdicar do mandato, que non existe tal. Abdicar do esforzo e deixarse levar, sen resistir, a ser neno, a ser nena outra vez, no colo da Nai. Sobre todo cando hai urxencia, medo, dor, tristura extrema… Para cando nin iso poidas so pronuncia ámote, de vagar e con sinxeleza, unha e outra vez. A oración, sempre, básica, visceral, respiración do ser.