Na Galicia das aldeas baleiras medra unha rede discreta de persoas que tenta organizar outra forma de vida. Esta é a historia de tres comunidades intencionais que lograron asentarse e tamén a dun fracaso, que axuda a entender as luces e as sombras destes proxectos.

Na antiga casa de labranza onde hoxe medra A Silveira, no concello de San Cristovo de Cea, as mañás comezan cun ritual sinxelo: abrir o pendello das ovellas, preparar café zapatista con leite de avea e compartir o almorzo antes de comezar a xornada. Despois cada quen marcha ao seu traballo asalariado, ou queda reparando muros, atendendo a horta ou organizando actividades. Á noite pode haber unha asemblea, unha partida de xadrez ou unha conversa longa arredor da cea.

A escena podería parecer doméstica, pero detrás dela hai unha decisión profundamente política: vivir doutro xeito. “Queriamos construír unha vida máis acorde cos nosos ideais, conectadas coa natureza e afastadas do malestar do capitalismo”, explica Artai, integrante da Silveira e activista de Amigos da Terra. O proxecto naceu tras cinco anos de debates e en novembro de 2025 atoparon finalmente o lugar: A Casa de Alén, unha antiga casa de labranza restaurada na contorna do Carballiño. Hoxe viven alí cinco persoas conviventes e hai unha cooperativa sen ánimo de lucro formada por varias socias e consumidoras. A fórmula escollida busca evitar a propiedade individual clásica: a casa pertence á cooperativa e cédese en uso á comunidade.

“Gústanos entender a Silveira como un laboratorio social e de aprendizaxe sociocomunitaria”, di Artai. O obxectivo non é só compartir teito, senón experimentar formas de autoxestión, coidados e relación coa terra que poidan inspirar outros proxectos.

Membros da Silveira, nunha dinámica participativa

Membros da Silveira, nunha dinámica participativa

A comunidade organízase mediante principios de sociocracia, con grupos de traballo, roles compartidos e procesos de decisión colectivos. Mais a Silveira non quere converterse nun espazo pechado sobre si mesmo. “Non pretendemos ser un gueto de modernos”, resume Artai. “Queremos ser unha peza máis do rural, abrir espazos para actividades, acompañar movementos sociais e demostrar que outros futuros son posibles”.

A relación coa biodiversidade forma parte central desa idea. Un dos primeiros traballos da comunidade foi rescatar anfibios atrapados nunha piscina abandonada da finca. Construíron unha rampla de saída e unha nova charca xunto á horta para trasladar tritóns e ras. “Cando hai unha visión permacultural e biocéntrica, podemos transformar a contorna de maneira moi palpable”, explica.

Para Artai, un rural habitado tamén é unha forma de defensa do territorio. “Se o rural está habitado, o risco de incendios é menor”, afirma. A recuperación do tecido social, os montes comunais, o pastoreo ou a plantación de especies autóctonas forman parte dunha mesma idea: volver ligar comunidade e terra.

Savia: construír unha familia elixida

No corazón do Val do Eo, entre Galicia e Asturias, Savia representa outro modelo de vida comunitaria. A ecoaldea funciona nunha casona rehabilitada de 1613 onde viven até nove persoas arredor de principios veganos, agroecolóxicos e de autoxestión.

Para Esther e Jose, dous dos seus impulsores, o proxecto naceu como resposta á sensación de illamento da sociedade contemporánea. “Savia nace da necesidade de volver conectar con persoas aliñadas cuns mesmos valores básicos e compartir a vida máis alá da parella”, explican.

Na práctica, iso tradúcese nunha organización diaria baseada na cooperación. Cultivan sen utilizar derivados animais, elaboran conservas, xabóns e produtos básicos e aplican métodos de Comunicación Non Violenta para resolver conflitos internos.

“A clave é pasar de pensar en ‘eu’ a pensar en ‘nós’”, recoñecen. A convivencia non consiste só en compartir espazo, senón tamén responsabilidades, emocións e coidados.

En Savia tamén existe unha vontade explícita de integración coa contorna. “Regálannos verduras e nós levámoslles empanada de zorza vegana”, contan entre risas. O intercambio coa veciñanza converteuse nunha parte esencial do proxecto, que participa ademais en iniciativas comarcais para atraer novos habitantes ao rural.

Esther, impulsora con Xosé da ecoaldea Savia

Esther, impulsora con Xosé da ecoaldea Savia

Sende: teletraballo e comunidade no Xurés

Se Savia representa unha ecoaldea permanente, Sende explora unha vía distinta: o coliving internacional conectado co rural galego. Situado na pequena aldea de Senderiz, no Xurés, o proxecto fundado por María e Edo rehabilitou varias vivendas tradicionais para acoller profesionais, artistas e persoas vinculadas ao ámbito tecnolóxico que conviven durante semanas coa veciñanza local.

Sende converteuse nos últimos anos nun referente internacional do teletraballo rural. Mais detrás desa etiqueta hai unha idea máis profunda: reconstruír comunidade nun contexto marcado pola soidade e pola ruptura dos vínculos tradicionais.

“Facer comunidade cos veciños e veciñas que viven sós, que teñen entre 70 e 90 anos, xunto con xente de todo o mundo, forma parte da educación social”, afirma María.

O proxecto tenta recrear o que eles denominan o efecto da “casa do avó”: un espazo acolledor, compartido e seguro. Nas ceas poden coincidir persoas de quince países distintos mentres participan nas tarefas colectivas da aldea.

Edo insiste en que o rural non pode sobrevivir convertido nun decorado turístico ou nun parque temático de vacacións. “Para salvar o rural hai que mudarse ao rural e quedar”, afirma. Por iso critican as casas rehabilitadas que permanecen baleiras a maior parte do ano. “Preferimos ver unha ruína que unha casa restaurada onde ninguén vai vivir”.

A sustentabilidade económica baséase parcialmente en bolsas e doazóns para evitar que o proxecto quede restrinxido a persoas con altos ingresos. “Na cea podemos ser vinte persoas de quince países sen decatarnos de quen cobra 7.000 euros e quen cobra 500”, explican.

Edo e María, impulsores de Sende

Edo e María, impulsores de Sende

O Couso e os límites da vida comunitaria

Mais non todos os proxectos conseguen consolidarse. O peche da Aldea de Couso, en Samos, converteuse nun símbolo das dificultades materiais ás que se enfrontan estas iniciativas. Durante anos impulsou unha proposta de comunidade sostíbel baseada na colaboración e no voluntariado, mais acabou pechando pola falta de recursos estables e apoio suficiente.

O caso de Couso funciona como contrapunto ás experiencias que conseguiron asentarse. Porque detrás da imaxe idealizada do regreso ao rural existen obstáculos concretos: o acceso á vivenda, os custos de rehabilitación, a burocracia, a precariedade laboral ou o desgaste emocional que implica soster a convivencia.

Son modelos distintos —desde o activismo ecoloxista á ecoaldea permanente ou o coliving internacional—, pero coinciden nunha mesma intuición: o rural galego precisa persoas dispostas a vivir nel, coidar da terra e reconstruír vínculos.

No fondo, entre as hortas, as asembleas e os cafés compartidos, todas estas comunidades están intentando responder a unha pregunta moito máis profunda que a do despoboamento: como volver vivir xuntas nun tempo marcado pola precariedade, a soidade e a sensación de colapso.

infografía rede de proxectos comunitarios en Galica e contorna