Un ano máis, e xa van doce, Mulleres Cristiás Galegas Exeria convoca un novo Espazo de Teoloxía Feminista. O 12 é un número de plenitude, de totalidade, así que para este ano eliximos un tema que se traballou nas Xornadas da Asociación de Teólogas Españolas, celebradas en febreiro de 2021, xusto despois da pandemia, e que se publicaron no libro ¿Eres tú o esperamos a otro? (Lc 7, 19), editado por EVD no ano 2021, baixo a supervisión das teólogas Belén Brezmes e Mónica Díaz.

No prólogo escriben as coordinadoras do volume:

“O encontro con Xesús é liberador e fondamente humanizante, pois pon, no centro da comunicación coa alteridade, a vivencia amorosa da diferenza. Pero, para as mulleres, nunha cultura androcéntrica, ser salvadas ten un significado de dependencia e aceptación, desa dependencia que xustifica as desigualdades e certa violencia normalizada en distintas dimensións da vida”.

Xuntanza en Santiago na Casa Xohana Torres e en Vigo na Parroquia de Cristo da Vitoria, no barrio de Coia.

Xesús móstrasenos moitas veces como un heroe salvador, enaltecendo o seu sacrificio individual, el só, na cruz. Pero nel podemos aprender unha masculinidade diferente, unha nova masculinidade lonxe dos modelos patriarcais. A súa humanidade salvífica é unha humanidade sempre en relación, sempre solidaria, compartindo a dor das persoas humilladas e abaixadas.

Así, traballaremos en grupo horizontal, segundo o noso estilo de roldas de palabra con tempo medido. É un xeito de garantir a palabra de todas, de falar e escoitar sen interrompernos as reflexións de cada unha. Cada día dedicarémolo a un capítulo do libro e así falaremos da salvación narrada polas mulleres bíblicas no texto de Carme Soto; a crise e o desexo como lugares teolóxicos, da man de Cristina Simonelli; repensaremos a salvación cristiá en verde e violeta con Lucía Ramón; a liberdade e a esperanza para un mundo en cambio co texto de Nurya Martínez-Gayol; e as premisas necesarias para a salvación plena das mulleres na Igrexa, da man de Olga Consuelo Vélez.

Coma o ano pasado, vai haber dous grupos de mulleres que traballarán de xeito simultáneo, en Santiago e en Vigo. O de Santiago reunirase na Casa Xohana Torres, cedida polo Concello, e as de Vigo xuntaranse nos locais da Parroquia de Cristo da Vitoria, no barrio de Coia. Hai tamén en Lugo un grupo de mulleres dando os seus primeiros pasos, con ganas de empezar a xuntarse, de empezar a pensar a teoloxía desde unha mirada non androcéntrica.

Se vos pica a curiosidade e queredes ver como traballamos, escribide ao correo da Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria (mcgexeria@gmail.com) e con moito gusto vos convidaremos a vir e ver.