Hai un mes que rematou un dos mellores festivais de curtametraxes aos que se pode asistir: o compostelán Curtocircuíto, un evento cunha organización coidada que, ademais, fai un uso normalizado da lingua en todas as súas citas. A cerimonia de clausura comezou remake daquel anuncio de Gadis, con música épica que nos eleva por riba de calquera limitación e co que dan ganas de invadir Polonia, coma naquel famos diálogo de Woody Allen. Claro que si: vivamos como galegos. Pero unha cousa é a pantalla e outra e a realidade, así que cando a persoa representante da empresa, como patrocinador principal, subiu ao escenario para entregar un dos premios, aí xa viviu coma galega, e decidiu que non era aquel o lugar para falar na lingua do país. Ese comportamento non se pode dicir que sexa algo excepcional, senón que forma parte dese curtocircuíto lingüístico que os expertos chaman diglosia. O caso é que segundo a última estatística do IGE, a lingua permanece estable dentro da gravidade, pero entre os máis novos, só un 25% a emprega habitualmente. O futuro non pinta moi ben.