Este fachineiro ten o confesable vicio de ler cada verán un libro de Juan Luis Arsuaga, o paleoantropólogo que codirixe o xacemento de Atapuerca, un dos máis importantes para explicar a evolución humana. A última obra súa titúlase Vida, la gran historia e nela volve insistir en que a evolución de todas as especies só pode explicarse pola selección natural que propugnara Darwin e en que na evolución non hai nin unha dirección nin un destino predeterminado. As cousas sucederon así pero puideron acabar sendo totalmente distintas. No caso do ser humano, porén, dáse agora -quizais con máis intensidade ca nunca- a selección económica, que é moito máis doada de explicar ca a de Darwin. Simplemente, se tes cartos tes acceso a casa, educación, sanidade e alimentos; se non os tes, vives unha existencia penosa e morres moito antes -ás veces nada máis nacer. Por suposto isto é algo se sabe hai moito e que a ONU acaba de subliñar na súa canle de noticias news.un.org: reducir a pobreza depende de acabar coa desigualdade e protexer a natureza. Puro sentido común. Arsuaga remata alertando contra visionarios que cren que algo marabilloso vai ocorrer á nosa civilización e que nos ha salvar do colapso. Non fago moito spoiler coa última frase: a mellor maneira de predicir o futuro é inventalo. Haberá que poñerse, logo.