Ten que confesar este fachineiro que hai uns días visitou a web da conferencia episcopal. O primeiro que sorprende que non salte o antivirus perante os perigos que axexan nese sitio, porque na marxe dereita (sic) están os enlaces que nos levan á Cope e a Trece TV. E por que entón esta navegación de risco? Pois por ler de primeira man esas declaracións do presidente dos bispos respondendo ás palabras da ministra asegurando que a elección de centro de ensino por parte das familias non era algo que deitase do artigo 27 da Constitución. A declaración dos bispos (descúlpese que non empregue a linguaxe inclusiva, porque eles tampouco o fan e porque bispas había poucas) dedica moitos parágrafos a falar de liberdade relixiosa e unha defensa ardorosa da Constitución e da transición. Palabras coma perplexidade, preocupación, inquedanza, irritación, están nese documento e nos medios de comunicación dos días posteriores. A cousa acaba cun “Que la tentación del caos no prevalezca nunca sobre la unidad asegurada por la Constitución”. O chamado trifachito compartiu e difundiu amplamente estes desacougos e ergueuse en defensa da ensinanza relixiosa pagada con fondos públicos. Non atopei nada parecido durante os dez anos de recortes na educación pública. Hmm. Que estraña coincidencia.