E Irlanda libre/ berra que berra/ vence os tiranos/ d’Inglaterra./Xa non hai foros nin hai siñores/ Ergue labregos!/Ergue e anda!/Coma en Irlanda/ Coma en Irlanda. Estes versos, que parecen de Bakunin, son en realidade do conservador Alfredo Brañas. Prediciu a independencia de Irlanda máis de 20 anos antes de que se producise. Pero aínda que os irlandeses manteñen o seu orgullo nacional, 100 anos despois vemos que xogan nas casas de apostas inglesas, aplauden os goles do Liverpool e abandonaron a lingua gaélica para abrazar o inglés sen ningún reparo. En Galicia, país no que o alento nacional sempre foi magro, imos camiño de acabar coma en Irlanda, pero en nada que se lle pareza ás predicións de Brañas. O lingüicidio que entre todos e todas perpetramos, anovouno en cifras o último informe do Consello de Europa, que se sinala a perda de transmisión da lingua entre xeracións e como o goberno galego incumpre a Carta europea de linguas rexionais e minoritarias. A Xunta oíu o ditame e encolleuse de ombros. E o resto da sociedade tamén. O galego vive unha emerxencia lingüística pero cada vez parece importarlle a menos xente.