A actividade dos diversos proxectos mineiros que pretender furar Galicia dunha punta á outra ben podía resumirse no título da película de Allen que encabeza este fachineiro. Son proxectos agresivos co medio natural, velenosos para os acuíferos e incompatibles coa forma de vida das zonas que pretenden depredar. Hai uns anos era en Corcoesto; agora a de Touro-O Pino, pero hai proxectos igual de nocivos na Terra Chá, en Triacastela, na Limia, en Lousame, na comarca de Ordes… No caso da de Touro, a antiga mina abandonada leva anos envelenando os regatos da zona. E agora aínda pretenden convencer aos veciños das bondades do novo proxecto. Pero a xente destes lugares leva anos organizándose para loitar contra grandes empresas que posúen todos os medios e algún máis. Non queda outra que apoiarse en colectivos coma o caso de contraminación.org para ter algunha posibilidade. Como dixo a activista Yayo Herrero, o medo só é paralizante se non sabes cara onde correr. Iso é o que pensaron as xentes da Casalonga, en Teo, hai uns días, cando organizaron unha andaina de 24 horas. Alí Toysal quere encher o burato da mina e convertelo nun vertedoiro. Un caso distinto; as intencións empresariais, as mesmas.