Non deixa de fascinar a este fachineiro a desconexión que os ricos son quen de manter con respecto ao mundo da xente do común. Supoño que as cifras das contas nos paraísos fiscais e non fiscais dan tamén para elevarse por riba de calquera tipo empatía. E supoño tamén que para chegar a vicepresidente de Coca Cola, gozar do atributo da miseria moral non é decisivo pero, quizais sexa unha característica apreciada entre as que se poidan aducir no currículo. Así e todo, ese tuit na que a súa señoría Marcos de Quinto alcumaba como “ben comidos” aos pasaxeiros desa liña regular de cruceiros de luxo que é o Open Arms, conduce antes á estupefacción ca á repugnacia. Non podo evitar imaxinar á súa señoría acabando de comer nun tres estrelas Michelín e ao tempo que comenta co resto de comensais o exquisita que estaba a tempura de verduras pensar: “imos logo poñer un tuit sobre eses ben comidos”. Este deputado, cando chegou ao Congreso, declarou un patrimonio de máis de 50 millóns de euros. Ese debe ser o dato que permite pensar, despois de grallar o tuit, que en lugar da tempura, o próximo día vai pedir salmonete de rocha en suquet con perlas de Vinum Acre.