Quizais naquela na reunión da carballeira de Conxo no ano 1856 estivese unha rapaza de 19 chamada Rosalía de Castro. Faltaban aínda sete anos para que se decidise a publicar Cantares gallegos, o libro co que dá comezo o Rexurdimento literario e a nosa literatura contemporánea. Quen si estaba era Eduardo Pondal, un mozote só dous anos máis vello ca ela e Aurelio Aguirre, os dous poetas que levaron o peso daquel acto. O banquete de Conxo foi un acto de irmandamento entre os estudantes e a clase traballadora. Iso que hoxe pode soar banal, daquela representaba un atentado para os que sempre estiveran afeitos a mandar e nunha vila pequeniña non se podía deixar pasar así coma así. Tanto molestou aos poderosos que Pondal e Aguirre houberon ir deportados ás Illas Marianas, que están na outra punta do mundo. Hoxe o banquete converteuse nun acto simbólico que marca un dos primeiros fitos do inicio da nosa reivindicación como nación. Por iso fai ben o Concello de Santiago en conmemorar ese acto e convertelo nunha festa, sobre todo agora que vivimos tempos nos que dicir o que incomoda os poderosos pode facer que a lei se poña do seu lado. Coma case sempre.