Confesa este fachineiro que non lle chista o libro en formato electrónico, que gusta do sentir coas xemas dos demos o papel da cuberta e das follas, o olor do libro acabado de mercar, ver canto queda e cando leva un lido xa. E tamén gusta de poder facer iso nunha librería, pescudar no escaparate e deixarse guiar polo libreiro.Todo iso e máis está ao alcance de calquera na libraría Couceiro de Santiago, que vai celebrar o próximo 9 de marzo o seu primeiro medio século. Nun tempo en que moitas librerías pechan polo cambio de hábitos e polo poder omnímodo de Amazon, agradécese poder contar cun edificio aberto sobre a praza de Cervantes no que poder poñerse ao abrigo da palabra impresa. Agora son Pablo e María, os fillos do histórico libreiro Xesús Couceiro, os que manteñen este espazo de dinamación cultural que sempre situou o libro galego nun lugar preferente (non coma os que o poñen no recullo das linguas estranxeiras). Ademais, queren compartir con lectores e lectoras este aniversario convidando, sobre todo á rapazada, a compartiren impresións con escritores e escritoras que deciden apostar pola lingua galega. Vémonos dentro doutros cincuenta.