O esforzo do mundo rural por loitar contra un devalo que parece inexorable é un asunto que cada pouco se achega ás páxinas desta revista. Pero se ese rural se atopa a máis de 1000 metros de altitude, a cousa devén aínda máis dramática. Cando hai máis de medio século Novoneyra compuxo Os Eidos, o gran poemario sobre o Courel, xa que estaba poñendo en verso un mundo en perigo de desaparición. Estes días anda polos cines galegos o filme 30 lumes, da directora Diana Toucedo. Achégase ao mesmo mundo de Novoneyra pero xa para constatar a proximidade do final. Na obra, case documental, vese o carácter híbrido do mundo tradicional mesturado con pequenas faíscas de modernidade. A xente loita conscientemente por defender a posibilidade e o dereito de vivir con dignidade na alta montaña. O aquén e o alén deses “pobos pobres que foron quedando nos ósos”, como dicía Uxío, aparecen na película de Diana Toucedo en forma de unha chamada e pregunta a todos e todas nós. Empecemos por ir ver a obra.