Ao paso que avanza o quecemento global o mellor que podemos deixar en herdo aos descendentes vai ser unha nameliña cunha fonte, porque en vinte e cinco anos hase volver máis valiosa ca unha mina de diamantes. Claro que xa é valiosa agora. A falta doutras axudas das que poder botar man para entender o críptico recibo da luz, este fachineiro confórmase con iso de que estamos pagando a auga a prezo de cava. Por circunstancias da vida Iberdrola -segundo din as malas linguas, aínda que eu non o creo- anda baleirando encoros para asegurar o paté de lumbrigante dos tataranetos dos accionistas, incluídos os do seu presidente, Ignacio Sánchez Galán. Quizá non lle soe moito ao lector e á lectora, porque é de natural discreto, pero vén sendo ese señor de entradas xenerosas que aparecía abrazando a Feijoo cando gañou as súas primeiras eleccións. O mesmo que por circunstancias da vida aparece imputado na trama do moi honorable e patriota señor Villarejo. Nada que ver todo o dito e visto con que o Feijoo anulase, catro meses despois daquelas eleccións, o plan eólico do bipartito para que a man invisible do mercado fose facendo camiño. É que o falar non ten cancelas.