Cando hai un mes se soubo das nominacións aos premios Goya deste ano, houbo unha circunstancia que enervou a este fachineiro: a candidatura de Santi Prego como actor revelación pola súa excelente interpretación no filme Mientres dure la guerra. Quizais esa nominación pasase desapercibida polo feito de que outra actriz galega, Benedicta Sánchez (que ademais é do Corgo cousa, que non todo o mundo pode dicir) gañase merecidamente na categoría feminina. Quen repase o traballo de Prego como narrador oral, como actor de teatro e de cine desde hai máis de trinta anos non pode deixar de preguntarse a que veu iso de “revelación”. Tal cualificativo só pode xurdir desde a consideración de que a cultura galega e as persoas que a fan posible pertencen, a ollos madrileños, a unha segunda división. O que ocorre é que para que os ollos madrileños nos miren doutro xeito temos que repectarnos primeiro nós. E iso non creo que se faga desde o desprezo polo teatro e cine propios ao tempo que se recuperan os premios á caspa, coma o da feira do cocido de Lalín, outorgado ao alcalde de Madrid, do que ignoro que méritos o conduciron a tan egrexia distintición.