Hai xente que non pode loitar contra a súa carga xenética e, claro, a cabra tira ao monte. Durante o zapeo continuo na procura de novas esperanzadoras, non foi difícil ver estes días a reacción de moitos e moitas estadounidenses. Vén unha pandemia… Que facemos? Pois comprar armas e munición, por suposto, que convén protexerse contra o virus. Están de sorte tamén os que mandaron facer un búnker (hai modelos “económicos” por 40000 euros) xa que agora poden darlle saída a esas latas de conserva que levan tanto tempo agardando pola apocalipse. E os nosos que fixeron? Pois aquí a cabra tamén foi ver que tal estaba o monte. Nas reaccións do noso presidente a primeira vítima foi a lingua galega. Cando as cousas se poñen serias, mellor en español. O esquema mental dese proceder pode ser diverso, desde o asesor que lle estaba bisbando: habla en la lengua común que hoy sales en todas las noticias ata a gloria de ser recollido nos resumos anuais deste ano infausto. Ou sería “para que nos entiendan los que vienen de fuera”, nomeadamente os que escaparon de Madrid? Ou porque lle petou e lle deu a gana. O caso é non perder ocasión de fortalecer a diglosia.