Hai xente que, segundo onde lle tocase nacer, non coñeceu outra vida ca a da pandemia: sanitaria, económica, educativa, machista, ecolóxica… No primeiro mundo aínda a iamos virando, pero chegamos a un punto en que ao espertarmos cada mañá, vemos que o dinosauro segue estando aí, coma no conto de Augusto Monterroso. A quen nos vai algo nos xenes, tamén vivimos unha distopía lingüística. E, ademais, está a incontornable distopía ecolóxica que este fachineiro nunca pensou acordar pero que enxerga cada vez máis próxima. É certo que cada día resulta máis díficil ancorar no futuro, mais tamén sabemos que a desesperanza é paralizante e só beneficia a quen está por destruír. Que facer logo? O primeiro, pensar que é posible facer algo, e nesta liña é na que se sitúa o libro de Manolo Rivas: Zona a defender, que subtitula como “a esperanza indócil”, xustamente para contrapoñela ao pesimismo desmobilizador e os negacionismos interesados. Comecemos por ler o seu manifesto Mayday, a palabra de alerta de perigo grave, para enfrontarnos á zolada descivilización que volve para nos ameazar.