Non se entende a barafunda creada desde hai unhas semanas arredor do pin parental. Este fachineiro está absolutamente a prol dese veto para evitar que familias que nunca ningún mal fixeron vexan as súas crianzas contaminadas coas doutrinas máis ridículas e casposas da sociedade. En palabras de Casado, apoiando con devoción a medida: “Saquen sus manos de nuestras familias”. Porén, tal como se quere implementar neste momento (só para separar o futuro de España de ideas feministas, e demais ideoloxía de xénero) semella unha aplicación reducionista. O que en verdade é necesario é un uso absolutamente libre do pin. Para que queren os nosos nenos e nenas estudar as obras de invertidos sodomitas como Lorca ou Blanco Amor? Que proveito se pode sacar de teorías absurdas coma as do cambio climático? Por que a miña filla vai ter comer as aborrecibles espinacas ou as intragables albóndegas do comedor escolar podendo comer pizza? Para que perder o tempo na Ilustración se poden afondar na inquisición? Galicia é un grande exemplo das bondades desta medida: gozamos hai xa unha década do pin lingüístico, con espectaculares logros segundo os últimos datos. Sen dúbida, marcamos a liña a seguir.