Por que somos así? Xa sabemos da nosa tendencia a baixar a orella e esconder o rabo entre as pernas. Pero por que? De onde vén esa falta de autoestima e esa querenza por tirar pedras contra o propio tellado? As orixes deste fenómeno son fondas e antigas. Por que os galegos e galegas temos esquecida a nosa propia historia? Por que case ninguén sabe que hai un panteón dos reis (de Galicia) na catedral de Santiago? Por que un reino que, con fronteiras cambiantes, se estendeu desde o século V ao XIII desapareceu dos libros de historia e dos libros de texto? Por que Afonso X, o Sabio, debía ser Afonso IX? Por que se lle quitou calquera valor ao reino suevo e se engrandeceu o visigodo cando ambos tiveron a mesma duración? Por que o Reino de Galicia pasou a denominarse nas crónicas Reino de León? Aquí pasou o que pasou, pero non queremos decatarnos. O caso é que Galicia foi borrada da historia de España porque o que cumpría era xustificar un Estado ao que había que atoparlle fío directo con Covadonga. Nada vai cambiar o futuro porque descubramos agora o pasado, pero resulta de imprescindible lectura o libro O Reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria de X. M. Andrade e A. López Carreira para sermos conscientes. E despois xa escribiremos o futuro como queiramos.