O mes pasado serviunos non só para celebrarmos a lingua que temos, senón tamén para tomar conciencia dos datos preocupantes sobre o seu uso. Entre eles, que só un 11 % do alumnado de secundaria ten o galego como lingua habitual. Ou que só un 8 % do libro que se le en Galicia está en galego. Ademais, agora asistimos a unha circunstancia que ata o momento só se dera de xeito esporádico: a publicación en castelán de autoras e autores galegos ou, o que é o mesmo, a ausencia do compromiso que antes había con respecto á lingua. Ademais, non son xente recalcitrante nin que teña un discurso en contra da lingua; son xente normal, coma calquera de nós, que simplemente publica en castelán e, con sorte, traduce ao galego (e que algunha editorial publica inzada de erros). Moita da rapazada dese 89 % que non ten o galego como lingua habitual nunca máis vai ler un libro en galego. A nosa cultura literaria vai camiño de ser un ovo ao que se lle sacou a clara e a xema e fica reducida a unha casca inerte.