Eramos poucos e para celebrar o mes das Letras Galegas, Ramón Villares non atopou mellor argumento que dicir que a rapazada non fala galego pola connotación política que ten a lingua. Que mala sorte a do galego, que sempre sobran connotacións para deixalo de lado! Amola un pouco que o diga un catedrático de Historia, académico, galegofalante e ex presidente do Consello da Cultura Galega. Se o fai por ignorancia, malo; se o fai porque está convencido de que é así ou por botarlle unha man á Xunta, que di que todo vai perfecto coa lingua e que todos os e as adolescentes son perfectamente competentes, pois peor. E que o diga despois do informe que publicou a Real Academia, no que se volven subliñar os datos alarmantes de uso do galego entre so máis novos, mosquea un pouco. Calquera que tivese fillos e fillas (ou crianzas próximas) galegofalantes e visen o que ocorre no seu paso polo sistema educativo, sabe de que falamos. Ningún neno de seis anos deixa o galego polas connotacións políticas da lingua. Coa actual política lingüística imos de derrota en derrota ata a vitoria final: calquera poder ver que nun instituto de 1000 alumnos e alumnas hai pouco máis dunha ducia escasa que falen galego. Que un ex presidente do Consello da Cultura compre o marco dos lingüicidas é, polo menos, desesperanzador.