Hai xa tempo que o noso presidente se apuntou a relegar o uso litúrxico do galego, ese que se reserva para cando hai un micro ou unha cámara diante, e aposta por representar aos galegos e galegas en castelán. Sen complexos. E onda non, ten a virtude de ofrecer o corte en castelán para as televisións madrileñas -e para a súa cotización persoal na capital- e o galego para os asuntos domésticos. A diglosia da diglosia mediática. Sen fiar tan fino, ao presidente do comité de empresa de Alcoa, non hai forma de oírlle unha palabra en galego durante as súas protestas e reivindicacións, ben xustas por outra parte. Seguramente a lingua non está moi arriba na súa lista de prioridades neste momento, pero non é tan difícil facer unha analoxía entre a loita pola supervivencia do posto de traballo -ardua loita contra a todopoderosa multinacional- e a igualmente ardua supervivencia lingüística da terra na que se sitúan eses traballos. Non deixa de resultar paradoxal que a “política lingüística” do representante sindical, do presidente do partido neoliberal e, quizais, do delegado da multinacional sexan a mesma. Que mala sorte ten o galego que todas as coincidencias xogan na súa contra.