O primeiro que fixo o Partido Popular ao volver á Xunta no 2009, logo da breve paréntese, foi poñer o xeonllo encima da gorxa da lingua galega. A iso chamoulle Decreto de plurilingüismo. Os datos de uso do galego na xente nova son arrepiantes para o noso idioma, o que non impide aos nosos gobernantes presumir do ben que nos vai con este equilibrio lingüístico, no que é legal dar clases de matemáticas en inglés pero ilegal facelo en galego. Tamén é máis doado atopar a agulla no palleiro ca un galegofalante nun colexio de cidade. Pero o PP está moi preocupado polo castelán e por iso se apresurou a levar ao Parlamento unha proposición para protexelo aínda máis. Nestes tempos tanto ten o que un goberno faga ou como sexa a realidade: o caso é o framing, o que un diga e como se traslade aos medios e ás redes. E se os medios din que o PP está en contra da eliminación do castelán como lingua vehicular xa está todo perdido. Se non conseguimos facer entender que do que se trata é de protexer as linguas en perigo de desaparición, coma o galego, non hai nada que facer. Non sei se xa chegamos ao punto de non retorno lingüístico, pero calquera que vexa que se fala nas aulas de Galicia e despois comprobe como actúa o noso goberno, comprenderá que andamos cerca.