Xa nos chegou o AVE coa puntualidade coa que se adoitan atender estas cousas do noso país e con el as campañas que o publicitan. Non é difícil imaxinar o momento no que entre as conspicuas mentes do departamento de márketing de Renfe sentiron xurdir a idea definitiva: “E se facemos o xogo de palabras entre o Ave e as aves de Galicia? E de aí xorde esa gran declaración: En Galicia habita la bisbita campestre y el cormorán moñudo. Por suposto, a ninguén se lle ocorreu pensar en que aquí habitan a pica campestre e o corvo mariño cristado. Pero claro, quen ía querer comprar un billete vendido en galego? É inevitable pensar naquelas palabras de Cunqueiro: “Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala. Por terme ensinado a dicir “rula” e “abidueira” e “dorna” e “ponte” e “fonte”, e entón eu sabendo estas palabras era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte”. Para sermos donos da pica e para sabermos realmente que aves habitan en Galicia, mellor ca o Adif é a Guía das Aves de Galicia de X.M. Penas Patiño e Carlos Pedreira, con ilustracións de Calros Silvar.