Seguimos en racha teatral, porque se xuntan unha manchea de estreas de moita valía. Unha delas é As que limpan, unha obra da compañía A panadaría. As tres directoras, dramaturgas, escenógrafas e actrices que forman a compañía achégannos desde o humor ata o mundo das persoas invisibles que limpan nos hoteis: as camareiras de piso. Fano, ademais, desde un absoluto repecto e repartindo críticas non só a un mundo que permite tales explotacións senón tamén a un tipo de turismo que leva por diante todo o que faga falta. Hai tamén, coma quen non quere a cousa, unha mirada sociolingüística por parte dunhas rapazas que apostan polo teatro en galego. En canto a obra, baseada nun texto orixinal que elas mesmas escribiron despois dunha detallada documentación, segue na liña do seu anterior éxito, Elisa e Marcela, sacando o máximo proveito dos mínimos elementos escénicos. E para que non falte nada, música orixinal. É de asistencia obrigada.