Xa soubo este fachineiro que moitos e moitas de vós premestes na opción “aceptar” cando whatsapp vós “propuxo” un cambio na política de privacidade. A compañía (a mesma empresa de Facebook e Instagram), o único que pretende é extraer aínda máis información persoal das nosas vidas. A cuestión é se dentro de nada existirá algunha forma de vida privada. Porque xa sabemos que se nos ofrecen un servizo gratis, o produto somos nós. Quen pode pensar que unha empresa, coma Google vai ofrecer un correo, unha canle de vídeo, un servizo de videochamada, un lugar para gardar as nosas cousas e ata unha aula virtual gratuíta? A cambio estamos vendendo a nosa vida. Saben onde vivimos, diante de que escaparate nos detemos, a que manifestación acudimos, con quen e que escribimos, almacenan ata as mensaxes que borramos, saben por quen votamos, a que hora nos deitamos… Toda esa información é diñeiro. E hai empresas que a compran e a venden, que inflúen en eleccións bisbándonos no oído o que queremos oír, e que poden axitar grupos de odio para o que lles veña ben. Xa hai ditaduras tradicionais que se fixeron dixitais, como China. Para quen queira saber máis, o libro de Marta Peirano El enemigo conoce el sistema ou a versión resumida no vídeo Por que me vigilan si no soy nadie?