Confeso que son dos que non aplaude ás oito. E non porque as persoas ás que vai dirixido esta homenaxe non o merezan. Non che me vos chista nadiña igual que tampouco me gusta nin gota que a policía que anda con cara de ferreiro pola mañá cante Paquito el chocolatero pola tarde. Iso por non falar do esperpento de ir coas ambulancias do 061 a felicitar o aniversario de Amancio. Xa sei (canté que non soubese, como di Darío Xohán en fermoso poema) que quen estea libre de contradición que vai arrebolando o primeiro croio. Con todo, enérvame que moita da xente que aplaude ha de ser a que despois vota a quen privatiza os aplaudidos, ou a que chega a un negocio e pregunta se o pode levar sen IVE. Cando as patacas queiman, dicía Pepe Mújica nunha recente entrevista, todos lle piden ao Estado, incluídos os que ata onte á noite dicían que canto menos Estado, mellor. Este fachineiro leva toda a vida aplaudindo cos impostos -IBI incluído- e, sen facer ningún tipo de enxeñaría fiscal, nunca veu ningunha ambulancia felicitalo. E creo que reúno méritos abondos -igual ca ti- para tal agasallo. O das bandeiras de España con lazo negro déixoo para a próxima.