Como cadaquén ten as súas teimas, reparou o fachineiro na ausencia de referencias á situación de Palestina na Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Tampouco se correu a loia de que a OTAN vaia enviar armas contra a ocupación israelí. O presidente palestino, nunha recente visita a Alemaña referiuse á situación que vive o seu pobo como holocausto, e o presidente alemán, que carga cunha culpa gañada a pulso polo seu país, considerou inaceptable e escandalosa esa expresión. O mesmo fixeron os demais políticos e medios. Nin que dicir ten que o holocausto foi unha atrocidade singular na historia e, desde logo, Mahmoud Abbas debeu falar “só” de xenocidio, masacre ou apartheid, pero o que segue resultando escandaloso hoxe é que esas accións non teñan resposta internacional. A humillación ao pobo palestino tivo outro triste símbolo este verán. Unha das pinturas de denuncia que o grafiteiro Bansky realizou sobre o muro de separación, desapareceu de Belén e rexurdiu milagrosamente cos seus 800 kg nunha galería de arte de Tel Aviv. Un exemplo máis de dixestión da rebeldía.