Hai máis dun mes que en Alemaña andan protestando contra unha brutal mina a ceo aberto, algo do que sabemos moito por estas terras. Alí, ademais, o Partido Verde ten que afrontar esa contradición desde a coalición de goberno. A noticia coincide co anuncio que a Empresa San Rafael fai dunha presunta minaría sostible en Galicia -despois de anos de protestas veciñais de diferentes asociacións contra a mina de Touro. Moitos son os colectivos que se veñen manifestando en contra dos macroeólicos, en contra de macrogranxas, en contra de depósitos de residuos, en contra de vertidos, en favor da sanidade ou da educación públicas. Parece incrible o tempo que hai que investir en protestar por asuntos que os propios gobernos deberían garantir. Pero non queda outra: unha sociedade que crea no futuro ten que andar buscando as físgoas no asfalto do capitalismo para poder seguir.