Paco del Riego era una figura inconfundible na cidade de Vigo, co seu pelo branco, co seu puro nos beizos, o seu traxe e gravata tomando un whisky nunha terraza próxima á Fundación Penzol, á que acudiu ata os últimos días da súa vida. Non é o momento de falar de detalles menores, de como espantaba os nenos con malas pulgas da libraría de Álvarez Blázquez, senón do home que o foi todo na cultura galega. Non era dos que máis aparecía nas fotos, pero foi esa persoa sólida que durante oitenta anos estivo traballando decotío pola cultura. Dedicouse á narrativa, ao ensaio literario, á tradución e ata a revistas sectoriais. El foi a editorial Galaxia, a revista Grial, o académico, o presidente da RAG. Acompañou a todas as xeracións desde a república ata o 2010. O seu labor entusiasta e incansable fixeron del un esteo fundamental para que Galicia se mantivese en pé durante corenta anos de ditadura. E ademais el foi o inventor do Día das Letras Galegas. Un home imprescindible.