“Ence é unha empresa firmemente comprometida coa sostibilidade”. Así comeza a benvida do presidente da empresa na web da compañía. Nos currículos do seu consello de administración aparecen nome familiares coma Alcoa, Coca Cola, Ebro Foods, JP Morgan e outros. Esa mesma mesa frecuentárona unha exministra de medio ambiente e un exconselleiro do mesmo ramo na Xunta. As súas declaracións ambientais maquétanse cunha esperanzada cor verde nas portadas no máis delicado estilo greenwashing. A súa fábrica de celulosas chámase “biofábrica”. A compañía, que foi privatizada polo goberno Aznar, sitúase en chan público. O goberno Rajoy, en funcións, concedeulle unha prórroga de 60 breves anos. A fábrica di que ten que seguir na ría de Pontevedra porque precisa de auga e dun lugar onde evacuar verquidos. A compañía paga os seus impostos en Madrid para que Ayuso poida baixar as taxas dos seus concidadáns. Todo isto parécelle ben aos líderes de UGT e CCOO, que mostraron o seu “apoio incondicional” á compañía. As provincias de Lugo e Ourense serán, no que queda de século, eucaliptais dos que asomarán aquí e acolá eólicos de 120 metros de altura. A ría seguirá contaminada. Non importa. Isto é transición enerxética pura.