Ata este mes de maio a maioría de galegos e galegas nunca oíra falar de Florencio Delgado Gurriarán, e moito menos situalo nun campo da cultura. Moitas e moitos seguiremos sen saber del tamén despois do Día das Letras. E isto é un exemplo máis de como nos maltratamos como país. Florencio, que ademais de poeta foi un loitador pola democracia, tivo unha biografía digna dunha película que ninguén vai facer. Despois de perder a guerra organizou a fuxida para o exilio de moitos republicanos que malvivían nos campos de refuxiados do sur de Francia. Xa en México foi unha das figuras máis importantes do exilio galego naquel país; un exilio pouco recoñecido ata agora, porque sempre se pon por diante o arxentino. Alí tivo que facer o resto da súa vida, pero sempre pensando en Galicia, con proxectos tan importantes coma a revista Vieiros. Florencio de Córgomo tivo sempre un compromiso irrenunciable coa Terra e coa lingua, foi un activista político e cultural que sempre se esforzou por unir xente diversa nun mesmo proxecto. Nunca mereceu este descoñecemento.