Cando hai un mes se desencadeou esa breve guerra dos cartos do fútbol, a análise máis atinada foi a dun adestrador arxentino que dixo “se o que rexe o mundo actual é que os ricos se fagan máis ricos a costa de que os débiles se fagan máis pobres, a que vén tanto asombro?”. Esa máxima funciona en todos os campos, non só nos de fútbol. Vémolo nas páxinas centrais desta revista: como se despreza o territorio e a xente do rural cos macroeólicos; tamén nos bancos, que poñen todas as pexas posibles á atención presencial e despois despiden persoal aducindo que a clientela “se inclina” pola banca en liña; ou nos gobernos que lexislan contra a lingua vulnerable e á desaparición chámanlle liberdade e harmonía. Vémolo na sentenza que absolve a autoestrada por cobrar a usuarios parados durante as obras ( á que o PP de Fraga prorrogou a concesión ata que os netos deste fachineiro leven caxatos, mentres agora promove que socialicemos as peaxes); vémolo na sentenza do pazo de Meirás: disque reivindicamos o continente, pero non o contido. Estas fórmulas nas que os poderosos sempre gañan lémbrame á viñeta na que Mortadelo e Filemón se desculpaban da súa incompetencia porque, sendo gardacostas, os ladróns atacaran de fronte.
O fachineiro. O fachineiro de Mortadelo e Filemón. Os ladróns atacan de fronte
