O Anschluss foi o nome que se deu á anexión de Austria por parte da Alemaña nazi en 1938 mentres os países de Occidente decidiron que aínda non viñan por nós. Cando este fachineiro chegue ao lector e á lectora Ucraína será vítima dun novo Anschluss, reducida a pouco máis ca un protectorado ruso. Unha guerra igual de inxusta ca a que practican outros estados terroristas; igual de absurda ca a de EUA en Irak ou Afganistán; ou a de Israel en Palestina; guiada polos mesmos ideais cos que o Premio Nobel da Paz, Henry Kissinger, financiou e apoiou o golpe contra Allende, a ditadura de Pinochet en Chile e as de Arxentina, Uruguay e Bolivia. A película soviética O acoirazado Potemkin está a punto de cumprir 100 anos. Nesta obra mestra da historia do cine hai unha escena icónica nas escalinatas de Odessa, hoxe Ucraína: os cosacos mandados polo tsar masacran o pobo disparando contra as persoas indefensas. Agora, un século despois, esas mesmas escalinatas ven como os ucraínos quedan baixo a bota de Putin. Baixo esa mesma bota está -con agrado ou desagrado- a poboación rusa, ameazada ante o máis leve aceno de protesta. O imperio da violencia sempre atopa desculpas.