Hai un vello monólogo de Carlos Blanco no que se dirixe a uns cataláns dicíndolles que Galicia ha conseguir antes a independencia. Só hai que convencer a Amancio de que saque a carteira e pregunte que se debe aquí. Agora albíscase outra fórmula de eficacia amplamente probada, que podemos chamar método Florentino, e que consiste en deixar caer pontes co Estado. A día de hoxe este fachineiro (e supoño que o resto de galegos e galegas) non sabe por que razóns caeu o viaduto de Pedrafita, o mesmiño que construíu, canda outras, a empresa de Florentino Pérez, un detalle que lle pasou desapercibido á prensa do réxime. Calquera atasco na M30 ou no tren de proximidade da capital estatal había ter un tratamento mediático infinitamente superior. Pero claro, estas cousas caen polo seu propio peso, ou, mellor dito, pola falta del, de peso político. Alguén imaxina a Rueda cuestionando a Florentino despois da 14ª champions league? Hai que poñerse ao axexo por se cae un cacho da A52 e conseguimos a independencia total. Se non, ao final haberá que darlle a razón a Homer Simpson quen, ollando para a súa barriga caída, laiábase dicindo: Estúpida gravidade!
O fachineiro. O fachineiro do independentismo. Modelos de colapso
