Agora que vai comezar o curso escolar, é hora de abordar novos proxectos educativos con ilusións renovadas. De entre todas as posibilidades, este fachineiro quere animar á comunidade educativa a participar nun especialmente motivador. Leva por título “Que es un rey para ti?” e xa vai pola edición número 40. Trátase dun proxecto que xera un amplo consenso, xa que está apoiado economicamente por todas as comunidades autónomas agás dúas (curiosamente, Cataluña e o País Vasco), o cal, lonxe de desvalorizar a iniciativa, contribúe, sen dúbida, a agrandala. O proxecto ten apartados de artes plásticas, vídeo musical e ata de robótica. Pero desde logo o que considera este fachineiro máis interesante e proveitoso é o de storytelling, xa que para animar á participación di: “Ponte en la piel del Rey y/o la Princesa y crea un storytelling”. Para inspirarnos podemos acceder aos traballos gañadores doutras edicións en queesunreyparati.es ou, simplemente, na Casa Real. Non estaría de máis que esta edición tivese tamén un apartado de xeografía (este fachineiro, na súa ignorancia, non sabía certamente cal era a capital dos Emiratos Árabes Unidos) ou de enxeñería fiscal, porque o saber non ocupa lugar.