Hai que partir da premisa de que co 33% da poboación, polo menos, este fachineiro nunca consideraría compartir unha mesa para tomar un café e levar unha conversa máis alá dunha resposta fática, desas de ascensor. Pero ao mellor hai que revisar a porcentaxe porque me ferve o sangue cando vexo quen reclama liberdade desde o descapotable coa bandeira de Colón atada ao pao de golf. Cando o fachineiro ve de quen vén sendo esa xentiña sempre lembra a descrición de Vicente Risco n’O porco de pé: don Celidonio é igual por dentro que por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, mesturada e revolta, co mesmo adubo de o urego e pemento. O malo é que os celidonios de hoxe, ademais de ricos, teñen o apoio ou dominio das redes sociais e a capacidade de manipulación dos que non son ricos pero si manipulables. E o adubo non é ourego e pemento, senón o racismo, machismo, desprezo pola cultura, homofobia, odio ao diferente e varios ismos máis. Sempre estiveron aí: son os que antes levaban as bandeiras pingando anilina coma no poema de Luís Pimentel. Disque dixo Rajoy hai xa anos “hay que ver cuantos fachas votan a mi partido”. Deixando á parte o cinismo da frase, esa seita -máis que sector- da poboación, é unha pandemia para a que non hai doada vacina.