Cando nos dispoñemos a acudir a perpetuar o réxime, e a falta de maiores coñecementos sociolóxicos, volvo traer aquí as palabras daquel señor de Lalín que dicía todo cheo de razón: “hai que votar polos nosos”. Tampouco non son precisos moitos coñecementos hermenéuticos para entender que o posesivo “nosos” son os nosos de toda a vida. Se o Partido Popular é o que máis se parece a Galicia, cousa que semella innegable á vista dos datos, o fachineiro xa empeza a dubidar, non só da súa nacionalidade, senón, en actitude cartesiana ata da información que lle fornecen os seus sentidos. Os nosos, ademais, están liderados por un dos políticos mellor valorados segundo o CIS. Que votemos insistentemente por eses nosos que levan demostrado un escaso respecto polo noso tamén nos retrata como país. Non temos en especial estima nin a nosa lingua, nin a educación, nin a sanidade, nin a cultura nin a economía nin o medio natural. Poñemos o goberno en mans de quen mira polas multinacionais con sede en Madrid e pagan tamén alí os seus impostos para que a súa presidenta poida facer dumping fiscal. Quizais non todo estea perdido: ao mellor o futuro pasa polos alcaldes bolivarianos do PP que queren nacionalizar Alcoa.