Derrotada, e case humillada, a oposición política, o Partido Popular alcanzou os seus últimos obxectivos electorais. Cando o noso amado líder remate esta lexislatura haberá novos votantes que nunca viran outra cara nun cartel do PP. Tamén haberá galegos e galegas que se achegarán ao medio da súa vida sen cambiar de partido no goberno. Hai moquetas en san Caetano que nunca coñeceron máis zapatos que os populares. Algúns gozarán desa condición do partido único tamén no seu concello e na súa deputación. Resulta curioso que os medios non se lanzaran xa, en boa lóxica, a falar do “réxime”, tal como facían ata hai pouco co PSOE andaluz despois de tantos anos sen alternancia. Tampouco nunca oíu este fachineiro falar do réxime de Castela-León. Entre os nosos moitos problemas está un que moi retranqueiramente debuxaba hai pouco o xornalista Xosé Manuel Pereiro: en Galicia hai medios públicos e privados concertados con diñeiro público. Algúns non sobrevivirían sen os cartos insuflados por campañas coma a do sentidiño. Xa lle resulta a este fachineiro máis repelente que o resistiré.