A obra A peste pode parecer que está baseada nuns cantos telexornais pero é unha adaptación que Cándido Pazó fixo da novela do mesmo título do escritor francés Albert Camus. Durante máis de dúas horas pásanos por diante a nosa vida dos últimos dous anos e, claro, cadaquén fará coma no horóscopo, que ao lelo buscamos o paralelismo coas vivencias pasadas ou agardadas. A boa literatura, tanto a de Camus -que, por certo, volveu ser éxito editorial- coma a de Pazó está para lembrar a verdade e para tentar entendernos. Aínda que a o francés tiña como pretexto a peste da cidade alxerina de Orán -sufriron unha aínda en 2003 e nin nos decatamos- vemos que o comportamento das sociedades é similar en calquera tempo e latitude. Aínda que a enfermidade, a superstición e o egoísmo teñen o seu espazo, a obra subliña a solidariedade entre as persoas e destaca a necesidade de poñerse a carón das vítimas. E non falta o contrapunto de humor no medio da desesperación. Ademais, a obra conta cun elenco de quince actrices e actores, algo que só está ao alcance dunha compañía pública. Desde logo, é de asistencia imprescindible.