Logo dunha longa traxectoria de éxitos e un premio estatal de teatro vai ser difícil que unha montaxe de Chévere non atope un público entregado. A xente ateigaba a sala de 1000 localidades para ver Nevermore, unha montaxe sobre a xestión e as consecuencias do afundimento do Prestige vista a vinte anos da catástrofe. Non hai na obra nada que calquera persoa medianamente informada non saiba xa, pero un non vai ao teatro só a informarse. E aínda sabendo o que pasou non deixa de resultar abraiante e indignante o desfile de personaxes grotescos que parecen saídos da páxina dun bestiario. Aínda para quen foi limpar chapapote ou que participou en Nunca Máis resulta incrible ver dúos que ata podían ser parella artística coma López Sors e Arsenio Fernández de Mesa. Ou recordar como aquela fin de semana de novembro os políticos deron por resolto o asunto e Fraga foi de caza a Aranjuez, Álvarez Cascos ao Pirineo e Ana Pastor e Jaume Matas a Doñana. Nevermore é ademais un manifesto ecoloxista desde os títulos iniciais: o Prestige era o capitalismo vomitando as entrañas da terra ao saír dun after. Nin que dicir ten que non estamos libres doutra, pero a obra remata cun pouco de esperanza: o futuro non é o que vai pasar, senón o que imos facer. Amén