Houbo algún Feixoo bo. Por exemplo, o frade Benito Feixoo, nado Pereiro de Aguiar, que foi un dos pensadores máis importantes da Ilustración española. Pero houbo un anterior que é do que queremos lembrarnos hoxe. Gabriel Feixoo de Araúxo é o autor da primeira obra de teatro que se coñece en lingua galega: O Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, tamén coñecido como A contenda dos labradores de Caldelas. A obra trata da disputa sobre os dereitos de pesca entre a xente das dúas beiras da raia húmida e o único manuscrito que se conserva está escrito en galego con anacos en portugués e algunha anotación en castelán. Da vida do tal Feixoo de Araúxo nada se sabe, á parte supoñerse que era licenciado. Bouza Brey dicía que era da nosa banda do Miño, pero quen sabe se non podería escribirse outra contenda sobre o lugar natal de don Gabriel. Como a data suposta da obra é a de 1671 celebramos este ano o 350º aniversario. Con este pretexto o Centro Drámatico Galego en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga decidiron levar á escena esta obra sobre as fronteiras. A estrea tivo lugar hai un par de semanas, así que cando empece a xira será unha boa ocasión para retomar o pulso do teatro.