Hai unhas semanas o secretario de Estado de Medio Ambiente traduciunos amablemente que a frase eólicos si pero non así quere dicir eólicos si pero non aquí. Porén, non parece unha tradución axeitada. Fáltalle contexto. Primeiro puxemos as rías ao servizo de industrias contaminantes e, a tempo, permitimos minaría a ceo aberto, de xeito que temos unha canteira a menos de 5 km. da nosa casa, vivamos onde vivamos. Despois vendemos os ríos para facer minicentrais eléctricas. Cando o bipartito quixo facer un plan eólico con participación pública para que os beneficios quedasen en parte en Galicia veu Feijóo en 2009 a salvarnos do comunismo satánico. De aí o famoso e agradecido abrazo do presidente de Iberdrola. Agora tócalle á eólica mariña cando xa os montes do rural están inzados de aeroxeradores. Pero, ollo, que agora poñer un canon á eólica mariña xa non é comunismo satánico; son utilities, segundo aclara o presidente Rueda. En fin, que hai que repartir xogo. Que tal un parque eólico no Monte do Gozo? Ou, mellor aínda, que tal na única comunidade que non ten nin un só muíño de vento?