Lobosandaus é un lugar remoto entre calados cumios da fronteira entre Galicia e Portugal no que Ángeles Huerta, directora e guionista do filme O corpo aberto ambienta a súa historia. A película comeza cando unha dilixencia achega a un mestre ao seu novo destino nesa aldea perdida. Este personaxe, interpretado por Tamar Novas, ten a ilusión de transmitir o coñecemento aos seus escolinos pero axiña comeza a ver que hai cousas que escapan á razón. O terror psicolóxico é o que predomina nesta cinta que tamén contén trazos de western e unhas pingas de película gótica. Conforme as forzas sobrenaturais van facéndose coa vida dos habitantes de Lobosandaus tamén a película se vai facendo máis escura. Un chiste di que un director estaba emborrachándose no bar porque o botaran ao querer innovar e facer unha película de Tarzán sen escena de crocodilo. Pois ben, aquí non se dá o caso, xa que temos escena de capador, matanza e entroido. En calquera caso hai que vela, xa que consegue manter a tensión, as interpretacións son boas, a fotografía excelente e está rodada en galego -con algún personaxe que fala portugués e un pouquiño de castelán. Ademais é unha boa escusa para ler Arraianos, o libro de Ferrín no que está o conto que adapta o filme