O ano pasado a Revista Nós, obra dun grupo de persoas cambiou a Historia de Galicia, estivo de centenario. Algúns puidemos ver a exposición que conmemoraba o evento no museo Gaiás pero que a pandemia se encargou de deslustrar. O caso é que neste mes de marzo tamén se fan xusto cen anos da publicación do primeiro conto infantil da literatura galega. As Irmandades da Fala da Coruña, conscientes da necesidade deste tipo de literatura en galego, encargáronlle a Vicente Risco uns contos para nenos. Dos tres que escribiu, a Irmandade só publicou O rei avarento (os outros tiveron que agardar máis de 80 anos), unha narración breve con feitura de conto popular que nos achega ás aventuras dun rapaz que naceu con moi boa estrela e que vai caneando as maldades do rei avarento. Claro que ben podemos dicir que “rei avarento” é unha tautoloxía. Ou un pleonasmo. Porque para non ser avarento quizabes non se poida ser rei. O monarca do conto de Vicente Risco non cobraba comisións de países con petróleo, pero perdeuse por querer ficar coas onzas de ouro e de prata. Sexa como for, o centenario resulta unha boa ocasión para ler este contiño e outros máis que a editorial Galaxia publicou nun volume titulado Antoloxía escolar da época nós.