Este fachineiro quere apoiar con este humilde comentario a volta do rei emérito a Sanxenxo e non só polas razóns, todas loables, que a xente de orde e ben xa se encargou de estender no seu recibimento entre vuitons e oliveiras. Este regreso debe fundamentarse en razóns aristotélicas, un flanco que quedou un pouco descoidado. Para Aristóteles a monarquía era unha excelente forma de goberno, no que un home miraba polo ben de todos. E un non pode estar máis de acordo se iso o aplicamos ao caso que nos ocupa. Mira polo ben de Sanxenxo e mira polo ben de Telmo Martín (que mágoa que Construcuatro, a empresa do alcalde non poida, por unha inoportuna sentenza, facer pisos de protección oficial, senón aínda lle podía ofrecer un ao demérito). E tamén mira por Alfonso Rueda e por Galicia en xeral por poñernos no mapa. O único que non lle saíu ao fachineiro foi ir vitorealo en carne mortal, por iso dos millonciños que lle roubou. En troques, atrévome a pedirlle un último favorciño: na próxima visita, aproveitando unha regata, debería cruzar á outra beira da ría e poñer a Ence no mapa, bañarse nas súas augas e gozar do seu aire, da súa gastronomía e das súas xentes.