Desde hai nove anos, as mulleres e os homes da comunidade cristiá Vangarda Obreira imos tecendo un encontro a carón das palabras tenrura e paz. Sentimos que ese espazo estende aqueloutro ao que lle deron forma coas súas vidas compañeiros e compañeiras coas que compartimos loitas, ilusións, esperanzas, aprendizaxes, amores diversos, resistencias e vangardas, e que xa non están connosco.
É un encontro ao redor das palabras tenrura, paz e xustiza
Decidimos celebrar esas vidas mirando o facer e o estar de persoas e grupos que manteñen vivo o valor desas palabras e tamén da xustiza, e que mostran todos os días que as arelas de facer vidas dignas, xustas e belas son poderosas creadoras de presentes distintos.
Nunha figura en cerámica dunha pomba dourada recollemos todos os anos a poesía cantada que fala tan ben disto que celebramos. Nela simbolizamos o pasado 15 de decembro o noso recoñecemento á tarefa das Mulleres Colleiteiras.
Como se conta no seu blog [http://mullerescolleiteiras.blogspot.com/?m=1], o proxecto Mulleres Colleiteiras (ver entrevista Irimia, nº 902) ten como principal obxectivo o traballo de recollida, almacenamento, valorización e reutilización do aceite doméstico usado, un recurso moi enerxético. A iniciativa xermolou a partir dun programa da ONGD Arquitectura Sen Fronteiras nos asentamentos ciganos das Rañas e da Pasaxe, na Coruña. De aí naceu unha cooperativa (na que levan participado activamente máis de vinte mulleres sen percibir retribución ningunha) que na actualidade conta con tres socias en réxime autónomo e unha muller contratada, e que está presidida por una xitana. Neste momento o proxecto xa vai máis alá da Coruña e en pouco tempo as Mulleres Colleiteiras poderán realizar a última fase do ciclo da xestión do aceite e conseguir biodiésel.
Mentres,vainos mostrando que son posibles utopías que empurran o ánimo, a confianza e os azos de transformación en tempos de pisón neoliberal.
É posible outra economía, que promova o emprego como forma de acadar unha vida digna, especialmente a inserción sociolaboral, o apoderamento e a autonomía das mulleres en situación de exclusión social. E que promova tamén alternativas de autoemprego rendible e sostible, que ademais recuperan experiencias moi válidas hoxe en día, como a da poboación cigana na recollida de papel, cartón e chatarra.
É posible facernos conscientes e responsables do que xeramos mantendo determinadas formas de vida: lixo e danos ambientais e persoais, pero tamén recursos, solucións e apoios.
É posible crear e manter redes corporativas de colaboración que abranguen os poderes públicos, o persoal técnico e a cidadanía en xeral, e que multiplican o alcance das accións.
Esta utopía ben situada no real chamada Mulleres Colleiteiras merece o noso recoñecemento e o noso agradecemento: é outra pomba dourada que estende as ás sobre as nosas vidas. [Podedes seguilas en Facebook (@MulleresColleiteiras.S.Coop.G); Twitter (Mcolleiteiras) ou Instagram (mullerescolleiteiras)].