Sábado 3 de Febreiro. Mosteiro de Bergondo

De novo a Candeloria e a directiva de Irimia se poñen de acordo e convócannos e un lumiño novo, feito de apertas comunitarias, de ideas partilladas, de celebración sen foguetes de artificio, pero quentiña e reparadora.

Xuntarémonos en Bergondo. Faremos a Asemblea anual da Asociación, explicando todo o feito, rendendo contas, renovando os cargos que corresponda e tomando as decisións que haxa que tomar.

E despois unha mesa redonda coa xente da comarca da Limia que leva ben tempo facendo cousas creativas, solidarias e ilusionantes naquela comarca Ourensá. Coidando das xentes, mantendo vivo o territorio, creando cousas novas, recreando cousas vellas. É alí, en Lodoselo, Sarreaus, onde se celebrará, con eles e elas, a próxima Romaxe de Crentes galegos. Porque a “terra quer coidado”, porque se coidamos da terra, da xente, da fala, teremos futuro. Estades todos e todas convocadas.

(Ah, atención! Novidade! O de celebración quentiña é certo que haberá un caldiño comunitario do país – sen cargo adicional)

Unha vez finalizado o coloquio, faremos o xantar compartido, para rematar coa celebración da Candeloria.

HORARIO

FESTA DO LUME 2023

10:00 h
Café
10:30 h
Asemblea de socios/as de Irimia
12:30 h
Descanso
13:00 h
Mesa de experiencias:

“A terra quer coidado”
Experiencias de innovación e coidado nas terras da Limia
14:30 h
Xantar compartido
16:30 h
Celebración da Candeloria