No mosteiro de Bergondo, o primeiro sábado de febreiro, poden pasar cousas espectaculares. Tamén cousas máis normais, que están case tan ben coma as espectaculares. Unha delas é a xuntanza de inverno da Asociación Irimia, arredor do lume, na candeloria, celebrando asemblea e abrindo o círculo para contaxiar e contaxiarnos de experiencias e iniciativas positivas que pasan en Galicia e no mundo. Xa temos un esquema ben consolidado: xuntarnos na lareira e tomar café, poñéndonos ao día; facer a asemblea que ordenan os estatutos; unha mesa redonda con xente interesante; comer cousas superinteresantes; e facer unha celebración para coller calor, unhas pingas de fe, esperanza e solidariedade.

Benditas rutinas

Está ben isto de ter bos hábitos e sobre todo o de non perdelos. Ese da nosa asemblea anual é un clásico irimego, pero ben innovador no mundo asociativo. E falando de hábitos cadra ben facelo nun mosteiro rehabilitado como o de Bergondo coa forza simbólica de preservar, rehabilitar e restaurar, contra a resignación, contracorrente.

Para esa rutina anual fómonos xuntando o sábado 2 de febreiro. E entre 10:30 e 12:30, fixemos a Asemblea e demos conta das actividades que levamos entre mans, da Romaxe e da revista, das xuntanzas e encontros máis locais, como os sábados bíblicos, dos cambios e dos desafíos dixitais e da renovación da directiva.

Nieves Espiñeira, por exemplo, en nome dos da Romaxe, explicou como se implican persoas e grupos da Terra Chá na organización da próxima, que será en Vilalba, terriña irimega. Alí no paseo dos soños, na beira do río Magdalena, están, de cada cen metros, os pequenos monumentos que homenaxean a entrañables irimegos chairegos como Manuel María, Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Darío Xohán Cabana, Xavier P. Docampo, Xose Manuel Carballo, Margarita Ledo Andión, Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, Mini e Mero. E tamén Xulio Xiz, que colabora na Romaxe de 2019.

Comentamos o logro da revista de acadar o número 1000. E dos cambios que se están introducindo, agora en versión mensual, para facela viable e máis viva na internet. Cambios que se irán facendo máis visibles a medida que se consoliden os grupos de traballo e de elaboración de contidos.

Pepe Barca, o tesoureiro, rendeu contas e demostrando que o modelo da gratuidade colaborativa funciona. No balance presentado do exercicio 2018 a Asociación Irimia tivo uns gastos de 30.030,37€ e uns ingresos propios de 26.555,99€, sendo ese pequeno déficit, desta volta, compensado por unha subvención da Deputación da Coruña.

Por unanimidade votouse a renovación da xunta directiva, na que actúa de presidenta Lucía Santiago Díaz.

Ampliando o círculo

Despois da Asemblea celebramos unha mesa redonda de experiencias e realidades de normalización da vida en galego para a nosa xente miúda, nun momendo crítico, como nunca antes, na transmisión xeracional da nosa lingua. Iria García, da iniciativa cooperativa Semente; Alfonso Figueiras, pedagogo e educador social en Sedes-Narón e Irene Pérez do CEIP Ínsua Bermúdez de Vilalba. As súas achegas están recollidas noutro lugar deste mesmo número.

E celebrando a Palabra e a Tenrura sempre pendente

E para pechar o día, Olga Álvarez, co apoio de Bea da Estrella e Lucía Santiago, animaron unha celebración ben linda, unha orixinal candeloria, coa lectura central do himno ao amor de Corintios 13, máis vivo ca nunca, na que acabamos agradecendo cunha sinxela danza aos demais que nos acompañan, a aqueles e aquelas que nos precederon e xa non están aquí con nós, e tamén á terra que nos sostén e a nós mesmos, que non deixamos de ser irrepetibles.