Unha festa

Xuntámonos de xolda a familia Irimia para celebrarmos por todo o alto os mil primeiros números da revista. Foi o 15 de decembro en Vidán, nos arrabaldos de Santiago. Eramos preto dun cento de irimigos e irimegas de todas as idades, de todos os puntos do país. Operarios da revista de todas as horas, dende aquel arredado 1978 da súa fundación ata a actual mesa de redacción.

Era propósito do encontro presentar en primicia o rotundo número mil da Revista, co seu deseño XXL de 40 páxinas e unha nómina de 55 colaboradores, que foron debullando os avatares desta nosa tan lonxeva publicación, só superada por A Nosa Terra, como recordaba Victorino P. Prieto o propio 15 de decembro en Sermos Galiza.

Houbo festa e alegría polo traballo feito e pola vontade de seguir

Para significar esta longa historia de Irimia, e como recoñecemento a quen laboraron nela, os organizadores da festa idearon de entregárenlles a todos os asistentes, individualmente ou en pequenos grupos homoxéneos, un pergamiño acreditativo dos méritos que concorren en cada un e mais un pequeno croio. Os croios, ou bochas, ou cantos, ou callaos, ou pelouros, ou riarengos, ou seixos, ou xogas (que de todas estas formas se di no noso idioma), son un símbolo moi estimado por nós, por aquilo do “Pedregal de Irimia” e a cerimonia iniciática do “Eu renanzo galego”. Foron os croios irimegos que, xuntos, ben poderían formar un minúsculo milladoiro de tantos anos de peregrinaxe e, nas mans de cada un, acreditaban o esforzo e mailas ansias compartidas.

Pero na festa houbo maiormente xolda: cantouse, bailouse a Rumboia da man de Mero, e incluso a nosa presidenta, Lucía Santiago, se atreveu a sacar uns bailables no acordeón. Houbo alegría, moita alegría polo traballo feito e pola vontade de seguir traballando. Como preparación deste número mil da revista, a Mesa de Redacción enviáralles aos colaboradores un cuestionario, no que se preguntaba se Irimia ten futuro. Pois a festa de Vidán foi a mellor expresión de que si, hai futuro, líase na cara dos participantes e mais no seu perfil: asitiu moita mocidade. Irimia ten futuro!

E unha ausencia

Estabamos aos pés do Apóstolo, da sé arcebispal de Galicia. E non houbo arcebispo, nin cabido, nin curia que se achegase para traernos unha palabra de grazas, nin un xesto de ánimo. E eu lembrábame que había quince días que o Arcebispo asistira a un acto solemne na igrexa de san Domingos de Bonaval para recibir en nome da Confraría do Rosario unha santa espiña da coroa de Cristo, que lle deixara en herdo unha rica devota que a conservaba na súa familia dende había centos de anos. A noticia do acto saíu, con fotos incluídas, nos medios de comunicación. E digo eu: como é que unha espiña sen acreditación ningunha da súa orixe nin da súa santidade, das que seica se conservan máis de 700 polo mundo adiante (na Igrexa acostuma a chamárselles “pías tradicións” a estas crenzas con poucas trazas de verosimilitude), merece máis atención por parte da xerarquía ca os 1000 números de Irimia? Ou é que nós, irimegos e irimegas, non somos tamén Igrexa? Non somos nós, con outras xentes e outros grupos se cadra tamén incómodos, os que lle vimos lavando a cara á institución diante do mundo actual? Quen está máis preto do Evanxeo, as “santas” espiñas ou as “santas” irimegas e irimegos?