A pandemia fai inviable a realización do Foro Encrucillada, que este ano 2020 dedicabamos á Biblia. Para non perder a oportunidade que o Foro brinda de reflexión e formación, buscamos unha alternativa que non obrigue á presencialidade. Así lanzamos unha nova proposta a todas as xentes que queiran participar:

Os Coloquios na Encrucillada

Temos tres artigos magníficos para isto:

  1. Como nace a Biblia, xeración e escritos do Antigo Testamento, por Marta García Fernández, profesora adxunta da Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Comillas
  2. O Novo Testamento, xeración e escritos, por Carmen Bernabé Ubieta, profesora Titular de Cristoloxía fundamental, Sagrada Escritura e Escritos Xoánicos na Universidade de Deusto.
  3. Hermenéutica, como ler a Biblia hoxe, por Andrés Torres Queiruga, profesor emérito de Teoloxía Fundamental no ITC e de Filosofía da Relixión na USC.

Os textos están preparados para facer traballo de grupo ou individual e publicarémolos na Revista Encrucillada 220 (novembro 2020). Animamos a todas as persoas e grupos que queiran afondar na lectura actual da Biblia a que lean, reflexionen e poñan en común achados e dúbidas.

En febreiro de 2021 convocaremos en tres días diferentes a posta en común de cada unha das tres partes coa autora/autor do texto, ben de forma presencial, ben telemática.
Queremos revitalizar os grupos de oración, reflexión, encontro que, coa pandemia, perderon actividade!!

Animámosvos, pois, a participar nesta nova forma de traballar!!

Formade un grupo, grande ou pequeno, e contactade con nós!!

NOTA:

Este traballo está aberto a todas as persoas que queiran participar. Non é necesario estar subscrito a Encrucillada, abonda con escribir a revistaencrucillada@gmail.com.